O Real Aeroclub de Santiago recibirá o próximo mércores 3 de xaneiro, entre as 17.30 e as 19.30 horas, a visita dun Paxe Real que recollerá as cartas e peticións dos nenos composteláns para as Súas Maxestades os Reis Magos. A visita, organizada pola Fundación Santiago Centro, Área Comercial, en colaboración co Real Aeroclub, é parte da Campaña de Nadal, na que continúan activas iniciativas como a entrega de regalos directos a través de boletos.

O Paxe Real recollerá as cartas que durante todo o Nadal estiveron deixando os nenos santiagueses na caixa de correos colocada no Real Aeroclub por Santiago Centro. Coincidindo coa visita, os pequenos poderán gozar de actividades lúdicas pensadas para a súa idade e intereses: haberá obradoiros de manualidades e un taller no que os participantes prepararán unha flashmob. As actividades estarán acompañadas dunha chocolatada. A iniciativa, recuperada este ano pola Fundación, pretende dinamizar a principal zona de compras da cidade nunhas datas de especial efervescencia comercial.

A campaña navideña de Santiago Centro prolongarase ata a véspera do día de Reis con iniciativas de diversos tipos. Comprar nos comercios do Ensanche conta con grandes incentivos. Por un lado, os asociados de Santiago Centro levan dúas semanas repartindo boletos con premios inmediatos, nos que se agochan máis de 4.000 € euros en regalos directos (noites de hotel, produtos doados polos propios comerciantes ou por Galicia Calidade, descontos de ata o 30%…). Por outra, a meirande parte das tendas do Ensanche entregan rifas para participar no sorteo dunha espectacular cesta de Nadal que se encontra exposta no escaparate do número 20 da rúa da Rosa. O sorteo levarase a cabo o día 4 de xaneiro na carpa de actividades instalada na Praza Roxa.