Os presidentes de Santiago Centro e de Compostela Monumental presentaron hoxe en rolda de prensa a constitución da Federación de Comercio de Santiago, unha entidade que nace para aglutinar ás diversas asociación que traballan no ámbito do comercio en Compostela e comarca. Ao acto asistiron a concelleira de Mercados, Noa Morales, a Directora Xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez; representantes do grupo municipal do PP; directivos dos dous CCAs e doutras entidades do ámbito comercial compostelá; e outros representantes empresariais da cidade.
José Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental, destacou a importancia do asociacionismo no ámbito comercial. “No momento que vive o comercio –afirmou- hai que pedalear en equipo: ou te asocias ou estás morto nun mundo tan competitivo”. A Federación de Comercio de Santiago é, ao seu xuízo, “un paso máis para xuntar esforzos e para facer cidade, habitable, comercial e coñecida en toda Galicia”.
Pola súa parte José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, salientou que se trata dun proxecto fraguado durante moito tempo, “porque cremos que se poden facer moitas cousas en conxunto mantendo a identidade de cada asociación”. En primeira instancia os impulsores da unión son os centros comerciais abertos do Ensanche e da Zona Vella, pero, en palabras de Fernández, “a idea é que se integren todas as asociacións que o desexen. Queremos facer de Santiago unha cidade de compras atractiva, e ofrecer unha Compostela que sexa comercio, paseo e diversión”.
Mentres, a concelleira de Mercados saudou a iniciativa augurando que “terá moito peso na cidade. Ofrecémoslle á Federación a nosa colaboración desde o minuto 1 na súa aposta polo fomento do comercio de proximidade”. A Directora Xeral de Comercio afirmou que a creación da nova entidade “lanza unha mensaxe de unión e de esforzo en común. É unha nova moi positiva para o comercio, o que respecta a esencia e a tradición sen descoidar a actualización e a modernidade”.
Na carta fundacional da Federación figura unha serie de obxectivos entre os que destaca a defensa do pequeno comercio e a promoción de actividades de ocio e turísticas que poidan situar a Santiago como cidade de compras destacada. Serán obxecto de traballo en común o posicionamento do comercio compostelán en Internet, a dinamización do tecido comercial de toda a cidade e a defensa dos seus integrantes, a cooperación coas institucións, a captación de fondos para actividades de potenciación, a formación ou a creación de emprego de calidade no sector.