O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) apoia o proxecto de innovación e dixitalización do comercio retallista do Ensanche Compostelán respaldando as accións formativas enmarcadas no Grupo de Comercio Innovador de Santiago, que impulsa Santiago Centro, Área Comercial. A través desta iniciativa, negocios integrados no Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán e na Rede de Iniciativas Empresariais Em-Rede desenvolven desde o pasado mes de xuño un programa de sesións de traballo para atopar alternativas que potencien a súa posición no mercado, e testan accións concretas e tecnoloxías xa dispoñibles para a mellora das vendas e da experiencia dos clientes.
Ata o momento, representantes dos comercios integrados neste Grupo de Comercio Innovador participaron xa en dúas sesións formativas, levadas a cabo por especialistas en dinámica de grupos e en innovación e enfocadas ao sector retallista. O obxectivo de Santiago Centro é dotar de ferramentas concretas e aplicables inmediatamente, facendo fincapé na dixitalización. A realidade da compra online e dos novos hábitos dos consumidores será analizada durante os obradoiros, que se levarán a cabo todo o ano a razón dun ao mes, coa meta de converter estas ameazas en oportunidades de mercado.
No Grupo de Comercio Innovador intégranse negocios dos sectores máis diversos, da moda á decoración pasando polo equipamento deportivo, a xoiaría, a imprenta, a venda de arte, os servizos de benestar ou a óptica. O número de participantes é necesariamente reducido, co obxecto de facilitar a operatividade na posta en marcha do programa. A través do traballo en grupo, os formadores buscan que sexan os propios comerciantes os que detecten as fallas e os puntos fortes, as ameazas e as oportunidades. Marketing dixital, análise de datos, tecnoloxía no punto de venda ou tenda web serán algúns dos temas que se analizarán ao longo das sesións.
A experiencia é pioneira en Galicia. A acción servirá de grupo piloto para a proba e implantación de medias innovadoras que despois se trasladarán ao resto de socios de Santiago Centro. Ábrese tamén a porta a compartir custes en ferramentas que, abordadas de xeito individual, serían inviables.