Santiago Centro segue a apostar polo programa de aparcadoiro gratuíto como fórmula para atraer clientes ao Ensanche de Compostela. Sendo o estacionamento un dos problemas máis destacados polos usuarios da principal zona comercial da cidade, a Fundación desenvolve desde 2018 esta iniciativa, aberta a establecementos non asociados e que conta co apoio do Concello de Santiago.
A través dunha negociación individual coa inmensa maioría dos parkings da zona nova compostelá, Santiago Centro conseguiu prezos moi competitivos, que en ocasións aproxima o custe da hora de aparcamento á terceira parte do seu prezo habitual. É a Fundación a encargada de adquirir tickets en grandes cantidades, que despois poden comprar os establecementos a prezos reducidos. Os establecementos regalan despois estes tickets aos seus clientes en función da compra mínima que establezan. Os negocios adheridos ao programa son facilmente identificables a través dun cartel visible na porta de entrada.
Os establecementos poden solicitar mensualmente tickets dos aparcadoiros que máis interesantes lles resulten por proximidade ou comodidade para os clientes. Na actualidade, os aparcadoiros integrados no programa son Araguaney, Praza de Galicia, A Rosa, Praza Roxa, Estación Renfe, Praza de Vigo, Fernando III e Romero Donallo.
O programa de aparcadoiro gratuíto incorpora fondos específicos achegados polo Concello de Santiago, e está aberto a comercios non asociados a Santiago Centro. A Fundación subvenciona a maiores a adquisición de tickets por parte dos seus socios, que poden así obter tarifas aínda máis reducidas.