Santiago Centro, Área Comercial, considera que a orde do Goberno prohibindo as rebaixas físicas pero permitíndoas online pode chegar significar “o tiro de graza para un sector tremendamente afectado pola crise da Covid-19”, en palabras do seu presidente, Chema Fernández. Con esta medida favorécese unicamente ás grandes marcas e distribuidoras de produtos por Internet, que agora contarán coa vantaxe engadida de seren os únicos con descontos mentres os establecementos tradicionais retallistas se ven na obriga de manter os prezos.

A medida publicada no BOE xustifícase na prevención de aglomeracións e de contaxios. Pero a xuízo de Santiago Centro as rebaixas, caso de se teren que levar a cabo, non teñen por que influír no respecto ás normas de seguridade e hixiene. “Estamos aplicando rigorosamente as normas de ocupación en función dos metros, contamos con todos os materiais de protección necesarios, e somos os primeiros absolutamente concienciados coa pandemia e interesados en coidarnos a nós mesmos e aos nosos clientes”.

Os establecementos están abrindo tras acometer as reformas necesarias para acomodarse á nova situación, que resultarían inútiles se se remata por incentivar a compra por Internet. Para Santiago Centro, afirmar que existe perigo de aglomeración nos pequenos comercios nestes momentos é descoñecer completamente o mercado e a situación. “O consumo está completamente retraído”, afirman, “co agravante de que durante as semanas de confinamento houbo moitas familias que se incorporaron por primeira vez á compra por Internet. Recuperar ese público resulta agora vital para o comercio, pero con este tipo de medidas non vai haber moita opción”.

Ningún comercio retallista quere abrir as súas portas con rebaixas tras semanas de inactividade, afírmase, pero a prohibición amosa un fondo descoñecemento do sector comercial retallista e dos seus ciclos anuais. “Unha cousa é regular as rebaixas e non permitilas para ninguén ata o mes de agosto, como se reclamaba desde o sector, e outra é prohibilas para o comercio tradicional e ao tempo fomentalas na rede”. O pequeno comercio estaba xa inmerso nunha crise continua antes da pandemia, e reducir deste xeito a súa competitividade pode ser determinante para a supervivencia de moitos pequenos establecementos, sen liquidez para facer fronte aos gastos nin ás compras, e sen posibilidade de levar a cabo accións que faciliten as vendas e a liquidación de stock de tempadas anteriores. “Non é xa que non poidamos competir en prezo coa venda online; é que agora mesmo nos impiden competir”, di Fernández.