Os comercios do Ensanche de Santiago de Compostela abriron hoxe a campaña de primavera, que durante dúas semanas encherá de escaparates creativos, actividades e ofertas as rúas da zona moderna. Quince establecementos participan nestes días na primeira edición do certame de escaparatismo convocado por Santiago Centro, Área Comercial, en colaboración coa asociación de iniciativas empresariais Proxecto Em-Rede. As propostas continúan coa V Festa do Comercio (a celebrar o próximo sábado 11 con descontos, outlet e actividades en toda a zona moderna) e un Paseo Literario que cubrirá a próxima semana con frases de Antonio Fraguas os escaparates dos comercios con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

O certame de escaparatismo floral comezou hoxe e estará vixente ata o próximo 16 de maio. Esta é o primeiro paso dunha iniciativa que pretende repetirse periodicamente e en diferentes épocas do ano. O espírito da iniciativa é utilizar a decoración dos vidros dos comercios para distinguir a oferta comercial do Ensanche, dándolle unidade en determinadas épocas destacadas e converténdoa nun atractivo en si mesma para veciños e visitantes. Neste caso, os establecementos participantes utilizan motivos florais e vexetais para celebrar a estación.

O público pode participar votando telematicamente a través do álbum de fotos que atopará en Facebook. Para facelo é necesario clickar en “Me gusta” na foto elixida e compartila no muro persoal, facendo un comentario sobre cal é a opción elixida. Votar leva aparellada a posibilidade de gañar un dos 36 agasallos que Santiago Centro e Em-Rede poñen a disposición dos participantes. Trátase de 30 bonos para un circuíto spa completo en Espagat Urban Gym&Spa e 6 vinilos decorativos para o fogar, de 120 x 80 cm a elixir entre varios modelos, de Copy Nino.

A programación de primavera de Santiago Centro e Em-Rede conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, e prosegue o próximo sábado co a celebración da Festa do Comercio, que saca á rúa postos con produtos aos mellores prezos e ofrece actividades, agasallos, descontos e zonas outlet. Os clientes recibirán, ademais, o regalo dun póster cunha orixinal vista do Ensanche realizada pola artista Lúa Gándara. Xa para a semana que vén, os vidros dos comercios lucirán frases do antropólogo e escritor Antón Fraguas, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.