O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acollerá este sábado o primeiro dos talleres infantís de construcións nos que os pais poderán deixar aos nenos ao coidado de monitores mentres fan as súas compras. Os obradoiros estarán abertos entre as 17.30 e as 20.30 horas, e levaranse a cabo os días 14 e 21 de abril; e 5, 12 e 19 de maio.

Nos talleres de construción, os nenos poderán aprender a montar xogos de pezas divertidos e a realizar novos deseños ao seu gusto, coa axuda de monitores. Os pequenos menores de cinco anos deberán estar acompañados dun adulto. Non é necesario inscribirse para participar nas actividades de construción, que son de asistencia libre e gratuíta.

Os obradoiros familiares de Santiago Centro comezaron con gran éxito a pasada fin de semana, na que o debuxante Santi Jiménez impartiu un taller de arte dentro da programación anual da Mostra de Arte en Escaparates Pasearte, ao que asistiron unha trintena de nenos e adultos. Dentro desta programación específica inclúese tamén o obradoiro que o día 28 deste mes dará a artista Lúa Gándara, que elaborará un mural colectivo. Para esta última actividade é preciso inscribirse no correo info@santiagocentro.gal.

Con estas propostas, Santiago Centro pretende facer aínda máis atractivos os sábados de compras no Ensanche compostelán, facilitando aos maiores que fagan os recados ao seu ritmo e ofrecendo, ao tempo, actividades creativas para público miúdo. A intención é dinamizar a actividade da zona moderna contra a fin de semana, involucrando aos comerciantes na vida cultural e de ocio da cidade.