Mellora das tendas virtuais, programación de publicacións en redes sociais, xestión de pedidos por Internet, cambios de imaxe ou mellora de contidos web con criterios SEO, son algunhas das necesidades cubertas polo Programa de Asesoramento Dixital de Santiago Centro, posto en marcha no outono de 2020 ata xuño de 2021.

O Programa, aberto a todos os establecementos asociados, consiste nunha asesoría individual mediante a que se acompaña aos participantes no seu proceso de dixitalización e mellora do seu posicionamento en Internet, clave para superar a crise pola SARS-CoV-2 e adaptarse a unha contorna na que os clientes priman as relacións comerciais virtuais fronte ás presenciais. Mellorar a presenza en Internet e habilitar canles de comunicación virtual resultan agora vitais para manter e relanzar a actividade comercial dos pequenos negocios. Correu a cargo de Marta Bouza, titulada en Publicidade e Relacións Públicas e experta en marketing dixital e xestión de medios sociais.

O Programa de Asesoramento púxose en marcha grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa FSE Galicia 2014-2020.