Centos de persoas asistiron, ben como compradores ben como participantes nas actividades programadas, nos seis Mercados Compostela Eco&Art organizados esta primavera-verán na Praza Roxa de Compostela. Coa mellor oferta de produto ecolóxico certificado e artesanía de autor, o evento foi unha iniciativa conxunta da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e Santiago Centro, co apoio do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, co dobre obxectivo de fomentar o consumo de alimentos con certificación e de dinamizar o Ensanche compostelán.
Tras dúas edicións celebradas na Ascensión en 2016 e 2017, Compostela Eco&Art cambiou este ano o seu formato para converterse nun evento con periodicidade quincenal durante a primavera e inicio do verán. O Mercado ofreceu aos composteláns e visitantes produto ecolóxico con certificación, un selo que garante non só a orixe senón tamén os modelos de produción e envasado. Xunto aos produtos ecolóxicos, o Mercado apostou tamén pola artesanía de autor, nun claro apoio aos artesáns de Santiago e comarca e á súa actividade.
Organizados por Santiago Centro, Apega e Nonéomesmo, os mercados contaron co apoio do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, vendo na capital de Galicia unha oportunidade de dar respaldo aos produtores e empresas do sector ecolóxico con certificación, de divulgar o selo CRAEGA entre os consumidores como garantía da produción ecolóxica en Galicia, e de facilitar aos composteláns e visitantes o seu achegamento á produción ecolóxica como alternativa de consumo respectuosa coa saúde e a contorna. Os mercados contaron ademais co apoio do Concello de Santiago, nunha aposta polos sectores da ecoloxía e da artesanía e polo Ensanche.
Para Santiago Centro, a experiencia dos seis mercados levados a cabo nesta primavera foi altamente positiva, por canto supón a continuación dunha liña de traballo iniciada hai xa tres anos e que cada vez “consegue mellores resultados”, segundo o presidente da entidade, José Mª Fernández. “O noso obxectivo é dinamizar o Ensanche de Santiago proporcionando actividades e boas razóns para permanecer ou acudir a esta zona, unha verdadeira potencia comercial e un dos principais motores económicos da cidade”. O presidente de APEGA, Xosé M. Durán, salienta pola súa parte a oportunidade que os mercados supoñen para os produtores e empresas ecolóxicas con certificación, “que deste xeito poden contactar directamente e crear vínculos co público, que confiamos en que pouco a pouco se convertan en relacións duradeiras”. Incidir no consumo responsable e saudable é outro dos obxectivos de ambas entidades.