Santiago Centro organiza para os días 26 de abril, 3, 10 e 19 de maio un ciclo de sesións en liña aberto aos comerciantes no que se explicarán catro utilidades tecnolóxicas de fácil e inmediato desenvolvemento para o sector. As aplicacións informáticas Canva, Facebook Business, Metricool e Instagram Shopping, de doada utilización e gran impacto en imaxe e vendas, serán os temas que centrarán os webinars. A inscrición xa está aberta a través do mail info@santiagocentro.gal. 

O ciclo comeza o luns 26 de abril coa sesión Canva: comunica e vende con imaxes, impartida polo xornalista e xestor web Martiño Suárez. Este programa pon a disposición dos usuarios multitude de plantillas e exemplos para realizar creatividades gráficas coas que comunicar mensaxes de xeito atractivo. 

A seguinte sesión impartiraa o 3 de maio o especialista en marketing dixital Javier Fernández, e tratará sobre as Posibilidades de Facebook Business. O potente xestor de anuncios e ecommerce da rede social ofrece moitas alternativas para o pequeno comercio, e este será un achegamento ás súas potencialidades. 

Para o 10 de maio programouse a sesión Metricool: programa o teu impacto en redes. Metricool é unha ferramenta de publicación e métricas que permite planificar as campañas nas principais redes sociais e medir o seu impacto cun custe asequible. A experta en comunicación e innovación comercial Elena Goyanes será a encargada da charla. 

Por último, o mércores 19 de maio será de novo Javier Fernández quen falará de Como utilizar Instagram Shopping, a ferramenta de venda online da popular rede social. 

As sesións, pechadas aos inscritos, levaranse a cabo a través de videoconferencias en Zoom. A iniciativa, enmarcada no esforzo de dixitalización e innovación que afrontan os comercios de Santiago Centro, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago